Un centenar de alumnos participan nunha xornada de fútbol inclusivo na Estrada

O evento enmárcase no protocolo de colaboración entre a Consellería de Educación e a Fundación do Fútbol Galego

Lun, 04/06/2018 - 13:50
Un centenar de alumnos participan nunha xornada de fútbol inclusivo na Estrada
Un centenar de alumnos participan nunha xornada de fútbol inclusivo na Estrada

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez; o presidente da Real Federación Galega de Fútbol, Rafael Louzán; a secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez; e Sergio Álvarez, porteiro do RC Celta de Vigo; compartiron hoxe con ao redor de 100 alumnos e alumnas unha xornada de fútbol inclusivo. O evento enmárcase no protocolo asinado entre o departamento educativo da Xunta de Galicia e a Fundación do Fútbol Galego para poñer en valor os innumerables valores positivos do balompé e aproveitalos para fomentar a inclusión na escola.

Román Rodríguez felicitou ao alumnado e docentes participantes na xornada por facer do que ocorre a diario nas aulas unha situación normal tamén no caso do fútbol. Neste sentido lembrou que en Galicia preto do 92% dos escolares con necesidades específicas de apoio educativo asiste a centros ordinarios. Deste xeito, actividades como a de hoxe estenden esta integración ao recreo e ao tempo de lecer.

O conselleiro quixo ademais agradecer á Fundación do Fútbol Galego (enmarcada na Real Federación) a súa colaboración para avanzar o que é unha das liñas prioritarias de actuación do seu departamento, a inclusión educativa. Así mesmo, salientou a cooperación do Concello de A Estrada para a celebración desta xornada.

Os CEIP Plurilingüe nº1 (Tui), Julio Gurriarán Canalejas (O Barco), de Figueiroa (A Estrada) e Princesa de España (Verín) foron os participantes na xornada de hoxe de fútbol 7 inclusivo (equipos compostos por alumnas e alumnos sen e con necesidades específicas de apoio educativo). Ademais dos partidiños, ao longo da mañá celebráronse actividades de precisión (lanzamento a portería) e habilidade (circuíto técnico). Ademais, impartiuse un relatorio sobre as boas prácticas no deporte. Todos os escolares recibiron unha medalla como recoñecemento á súa participación.