A nova estratexia de FP Galicia 2030 potenciará a oferta de dobres graos nestas ensinanzas

Neste momento impártense dous proxectos deste tipo en seis centros galegos

O impulso da FP Básica, da modalidade Dual e dos másteres de FP completan a estratexia no referido á mellora da oferta, que se coordinara coas empresas

Favorecerase a especialización dos centros, así como a innovación e dixitalización, co novo Centro Galego de Innovación da FP á cabeza

Fomentarase a diversificación e a ampliación da oferta no rural

A nova folla de ruta da FP en Galicia entronca coas políticas educativas da Unión Europea e cos diferentes plans sectoriais do Goberno galego

Ven, 25/02/2022 - 14:27

A nova Estratexia de Formación Profesional Galicia 2030 impulsará a oferta de dobres titulacións en ciclos formativos. Así o explicou o secretario xeral de Educación e FP, José Luis Mira, na súa comparecencia no Parlamento para dar conta desta nova folla de ruta que guiará as accións da Xunta de Galicia nestas ensinanzas. Centrada no reforzo da oferta e na súa adaptación ás necesidades dos sectores produtivos, no fortalecemento e extensión da rede de centros de excelencia, a estratexia impulsada pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade conta cun orzamento de 900M€ ata 2024.

Os dobres graos de FP inclúen todos os módulos de dous ciclos, que se cursan de xeito simultáneo, permitindo obter dúas titulacións nun tempo aproximado de tres anos. Galicia comezou en 2017 a implantación destes proxectos, dos que na actualidade se están a desenvolver as dobre titulacións en Dirección de cociña e Dirección de servizos de restauración – no CIFP Paseo das Pontes (A Coruña) e no institutos de Foz e Sanxillao (Lugo)–, e en Coidados auxiliares de enfermaría e Atención a persoas en situación de dependencia –nos CIFPs Leixa (Ferrol), Ánxel Casal - Monte Alto (A Coruña) e Politécnico de Lugo–.

Ademais, en Galicia pódese obter unha dobre titulación compaxinando o estudo dun ciclo no réxime ordinario e dos módulos que resten de outro polo réxime modular para persoas adultas.

Así mesmo, impártense varios proxectos de FP Dual que incorporan módulos doutros ciclos, en concreto o de Mecatrónica industrial con oferta parcial do ciclo de Automatización e robótica industrial –no IES Universidade Laboral (Culleredo)–, o de Construcións metálicas con oferta parcial do ciclo de Proxectos de obra civil –IES Laxeiro (Lalín)–, o de Procesamento e transformación da madeira con oferta parcial do ciclo Operacións de laboratorio –no CIFP Politécnico de Santiago– e o de Xestión de ventas e espazos comerciais con oferta parcial do ciclo Estética e beleza –no CIFP As Mercedes (Lugo) e no IES A Guía (Vigo)–.

Tal e como explicou o secretario xeral de Educación, impulso da FP Básica, da modalidade Dual e dos másteres de FP completan a estratexia no referido á mellora da oferta, que se coordinara coas empresas. De forma complementaria, ampliarase a FP a distancia para atender as necesidades de cualificación das persoas para favorecer a aprendizaxe permanente e a súa empregabilidade. Isto completarase cos procedementos de acreditación de competencias adquiridas pola experiencia laboral.

Especialización dos centros

No referido ao fortalecemento da rede de centros de excelencia, apostarase pola especialización de cada centro en familias profesionais concretas e vencelladas na contorna. Así mesmo, impulsarase a oferta no rural, diversificándoa e ampliándoa. Nesta tarefa será fundamental a colaboración coas 11.000 empresas que hoxe en día están implicadas na Formación Profesional galega.

“O mundo empresarial apoia a FP, ten confianza nestas ensinanzas. Traballaremos para incrementar a colaboración das empresas na FP, para a formación dos alumnos e dos profesores, así como para promover a innovación das ofertas.”, sinalou o secretario xeral.

Innovación e sustentabilidade

A rede de centros de excelencia estará encabezada polo novo Centro Galego de Innovación da Formación Profesional en Ourense, que abrirá as súas portas neste ano 2022. Centrado en áreas punteiras como a biotecnoloxía aplicada, a fabricación aditiva ou a enerxía e sustentabilidade ambiental, neste novo espazo educativo desenvolveranse proxecto de innovación de interese para o sistema de FP e para as empresas colaboradoras, así como actividades de formación do profesorado

Precisamente a innovación e a dixitalización é un dos eixes da nova Estratexia de Formación Profesional Galicia 2030 ,"nun aliñamento estratéxico coas políticas de educación e formación da Unión Europea para potenciar a especialización intelixente e a transición verde e dixital así como, coas diferentes estratexias e plans sectoriais de Galicia en ámbitos tales como o desenvolvemento rural ou a industria”, explicou o representante da Consellería de Educación.

“A FP en Galicia é unha prioridade estratéxica da política educativa e de formación do Goberno galego. Deste xeito, a nova estratexia está firmemente integrado co Plan Estratéxico de Galicia 2020-2030 e aliñada con outras como a Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3), a Estratexia Galicia Dixital 2030, ou Axenda da competitividade Galicia - Industria 4.0.”, destacou o secretario xeral.