A Xunta celebra as primeiras olimpíadas de FP básica para impulsar o prestixio destas ensinanzas

O secretario xeral de educación e FP asiste en Ferrol á primeira das nove competicións, que contan coa participación de 111 alumnos

Participan tamén estudantes de programas formativos dirixidos a persoas con necesidades educativas especiais

Mar, 24/05/2022 - 13:24
fp

A Xunta de Galicia celebra hoxe a xornada inaugural do 1º Campionato Galego de Formación Profesional Básica, FPBásicaSkills Galicia 2022, as primeiras olimpíadas específicas deste nivel de ciclos formativos que se celebran en Galicia. O obxectivo deste certame, que se suma ás Galicia Skills (con participación maioritaria de alumnado de ciclos de grao medio e superior), é impulsar o prestixio destas ensinanzas como unha opción de futuro para os rapaces que as cursan, así como de continuidade no sistema de oportunidades que é a Formación Profesional galega.

O secretario xeral de Educación e FP, José Luis Mira, participou no Centro Integrado CIFP Ferrolterra na primeira das competicións destas olimpíadas, que se desenvolverán ata o vindeiro 2 de xuño. O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades destacou a FP Básica como unha alternativa fronte ao abandono educativo e salientou o labor que o profesorado destes ciclos fai na motivación do alumnado.

Así mesmo, fixo fincapé na importancia dos programas formativos básicos para persoas con necesidades educativas especiais –que tamén toman parte no certame– á hora de ofrecer unha cualificación axeitada ás capacidades de cada estudante.

Sedes e competencias

As FPBásicaSkills Galicia 2022 estrutúranse en nove competicións (sete de FP Básica e dous de programas formativos básicos) e contarán coa participación de 111 alumnos. A relación de skills (competencias) en concurso é a seguinte:

FP básica

Competición

Modalidade

Sede

Data

Carpintaría e moble

Individual

CIFP Ferrolterra (Ferrol)

24/05/2022

Artes gráficas

Por parellas

CIFP Compostela (Santiago de Compostela)

25/05/2022

Electricidade e electrónica

Por parellas

CIFP Universidade Laboral (Culleredo)

26/05/2022

Agroxardinaría

Por parellas

IES Montecelo (Pontevedra)

26/05/2022

Floraría

Individual

IES Montecelo (Pontevedra)

26/05/2022

Mantemento de vehículos

Por parellas

CIFP As Mercedes (Lugo)

27/05/2022

Peiteado e estética

Individual

IES Montecelo (Pontevedra)

02/06/2022

 

Programas formativos básicos

Competición

Modalidade

Sede

Data

Servizos de restauración

Por parellas

CEE Manuel López Navalón (Santiago de Compostela)

31/05/2022

Xardinaría e viveirismo

Por parellas

CEE Manuel López Navalón (Santiago de Compostela)

01/06/2022

 

Toda a información das olimpíadas pode consultarse no Portal de FP.