Información sobre os títulos universitarios oficiais que acadaron o Selo de grao de excelencia para o curso 2022/2023

Lun, 08/04/2024 - 15:00

Convocatoria

ORDE do 4 de outubro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras e se realiza a convocatoria para a concesión do Selo de grao de excelencia a titulacións universitarias de grao impartidas polas universidades do Sistema universitario de Galicia no curso académico 2022/23.

A Xunta de Galicia continúa a desenvolver iniciativas de apoio ao sistema universitario, entre as que se encontra o Selo de grao de excelencia que se convocou por primeira vez para o curso académico 2022/23. Esta distinción ten por obxecto continuar coa senda iniciada no pasado trienio baseada na estratexia do Plan de excelencia académica do SUG, que se iniciou coa concesión do Selo de excelencia de máster universitario, e suporá unha mellora progresiva na calidade da oferta académica dos graos do SUG.

O número máximo de premiados co Selo de grao de excelencia na presente convocatoria é de tres, condicionado a acadar unha puntuación igual ou superior aos 90 puntos dos 110 posibles.

Requisitos para solicitar o selo

1. Os graos para os que se solicite o Selo de grao excelente deberán cumprir os seguintes requisitos:

  • Ser títulos de grao de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional, que conten coa autorización de impartición da Comunidade Autónoma.
  • Que veñan sendo impartidos por algunha das universidades do SUG de xeito ininterrompido, como mínimo, desde o curso 2018/19 e que continúen impartíndose na actualidade.

2. Cada universidade poderá presentar, como máximo, tres solicitudes correspondentes a outras tantas titulacións de grao oficial.

Valoración

A avaliación realizouse segundo os seguintes criterios:

  1. Ata 25 puntos a Estratexia e resultados

  2. Ata 10 puntos o Curriculum

  3. Ata 10 puntos o Deseño do proceso de ensino-aprendizaxe

  4. Ata 10 puntos o Profesorado

  5. Ata 10 puntos para valorar a avaliación das competencias técnicas e transversais

  6. Ata 20 puntos a Inserción laboral

  7. Ata 10 puntos a Internacionalización

  8. Ata 15 puntos a Exposición da proposta

Titulacións que acadaron o Selo do grao de excelencia na convocatoria actual (curso 2022/23)

  • Grao en Enxeñaría Informática pola Universidade da Coruña

    Facultade de Informática

  • Grao en Fisioterapia pola Universidade da Coruña

    Facultade de Fisioterapia

  • Grao en Veterinaria pola Universidade de Santiago de Compostela

    Facultade de Veterinaria